Friday 29 de March de 2024

O programa de Coidados Porta a Porta da Xunta ofrece atención sociosanitaria de balde aos maiores de Ordes


Préstase atención en audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria aos veciños que teñan máis de 55 anos de idade

A Xunta ofrece atención sociosanitaria gratuíta ás persoas maiores que residen no municipio de Ordes a través do programa Coidados porta a porta. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou estas mañá a unidade móbil desta iniciativa, que desde onte e ata o vindeiro venres, día 27, está operativa na alameda do concello coruñés.

O director xeral, que estivo acompañado do alcalde de Ordes, José Luis Martínez, destacou o éxito que está a ter o Coidados porta a porta, que permite que os maiores de 55 anos que o desexen reciban atención de balde en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, e sen necesidade de desprazarse lonxe do lugar onde residen. As persoas interesadas soamente teñen que pedir cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 922, ou ben no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xuntal.gal.

Antón Acevedo reafirmou o compromiso do Goberno galego de continuar ofrecendo cada vez máis servizos ao carón dos lugares onde viven os maiores, porque iso é o que prefiren cando se lles pregunta onde queren ser atendidos. De aí o reforzo de servizos de proximidade como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), do que se benefician case 27.000 galegos; a Teleasistencia, con arredor de 10.000 usuarios; o Xantar na casa, que leva menús semanais, sans e equilibrados aos fogares de unhas 2000 persoas; ou o propio programa de Coidados porta a porta, cuxas oito unidades móbiles percorren todos os concellos de Galicia, agás as sete cidades.